Friday 03 de May de 2024

Máis dun cento de alumnos disputan desde hoxe as olimpíadas da FP, que se celebran por primeira vez en 11 sedes ao longo de toda Galicia


— Román Rodríguez sinala esta competición como un escaparate da calidade da FP galega e do nivel do seu alumnado e profesorado

— Destaca o crecemento destas ensinanzas na última década, cun incremento do 74% no número de matriculados e acadando unha inserción laboral do 92%

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu hoxe no Centro Integrado de FP Carlos Oroza, en Pontevedra, ao inicio da competición Galiciaskills 2021, as olimpíadas da Formación Profesional galega que se disputan ata o vindeiro 8 de outubro. Nesta edición toman parte máis dun cento de alumnos de 43 centros distintos e por primeira vez a competición está descentralizada en 11 sedes ao longo de toda Galicia.

O representante da Xunta de Galicia destacou Galiciaskills como “un escaparate da calidade da nosa Formación Profesional, que permite visibilizar a aplicación práctica destas ensinanzas e o traballo dos alumnos, do profesorado e do conxunto do persoal dos centros, ao tempo que transmiten valores como o talento ou excelencia”.

“En definitiva unha competición que demostra o nivel da nosa FP”, engadiu o conselleiro, felicitando aos participantes por ser os piares “que fan destas ensinanzas un sinónimo de calidade, de profesionalidade, de innovación, de emprego e, polo tanto, de oportunidades de futuro”. Neste sentido, o titular do departamento educativo de Galicia recordou que tanto en Galiciaskills como en Spainskills e en Worldskills “o alumnado galego vén contando cunha presenza relevante, con oito medallas na última olimpíada nacional”.

Román Rodríguez puxo en valor o crecemento da FP galega na última década, cun incremento do 74% no número de matriculados e un 92% de inserción laboral (fronte ao 51,7% do ano 2014). “Desde a Xunta seguiremos apostando pola FP e por iniciativas como esta, que permiten visibilizar o bo traballo dos centros e do conxunto do alumnado”, rematou.

Proxección da FP galega
Galiciaskills 2021 pretende darlle unha maior proxección e difusión á Formación Profesional que se imparte en Galicia, con 23 competicións relacionadas coas especialidades, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. Un total de 22 expertos organizan as cuestións técnicas e planifican cada unha das competicións, para as que os participantes contan tamén co apoio dos seus docentes. O alumnado gañador participará en Spainskills, que se celebrarán en marzo de 2022.

As olimpíadas da FP galega desenvólvense desde hoxe ata o vindeiro día 8 en 11 sedes de toda Galicia, en función das skills (ou competencias) avaliadas, en concreto nos Centros Integrados de FP (CIFP) Carlos Oroza, Ferrolterra (Ferrol), A Granxa (Ponteareas), As Mercedes (Lugo), Valentín Paz Andrade (Vigo), Paseo das Pontes (A Coruña) e Compostela (Santiago de Compostela), e nos institutos Urbano Lugrís (A Coruña), Politécnico de Vigo, Lamas de Abade e San Clemente (estes dous últimos en Santiago de Compostela).

Toda a información sobre sedes e participantes pode consultarse no Portal de FP.